A nosa vocación é ser alternativa. Liderar políticamente esta cidade

O venres 16 de setembro, nun acto con presenza de persoas representativas do tecido social e veciñal da Coruña, presentamos en público candidatura do BNG á Alcaldía da Coruña en 2023. É para min unha enorme honra e, tamén, un grande reto, que asumo, como sempre, desde unha visión da política como un traballo en equipo. Tiven, ademais, a grande fortuna de estar acompañado por Ana Pontón, a futura presidenta da Xunta de Galiza. Déixovos a seguir a transcrición íntegra da miña intervención.

Comparte esta entrada

Bon día. Grazas a todas e todos vós pola vosa presenza neste acto de presentación da candidatura do BNG á Alcaldía da Coruña. Están hoxe connosco persoas representativas do rico tecido asociativo que hai na nosa cidade. Grazas por estardes aquí.

E moitas grazas a Ana Pontón por acompañarnos neste momento.

As miñas primeiras palabras, son palabras de agradecemento ás compañeiras e compañeiros do BNG da Coruña pola confianza que depositan en min.

É para min unha honra ser candidato á Alcaldía polo BNG.

Ao longo dos meus anos de militancia política traballei en moitas frontes. Intentei defender con dignidade os intereses de Galiza, e tamén da Coruña, no Parlamento español e no Parlamento galego. Dende hai tres anos teño a oportunidade de traballar en primeira liña pola miña cidade. A  cidade na que vivo dende os 9 anos e onde naceron a miña muller e os meus fillos.

E creo que estes tres anos serviron para que estea mellor preparado para asumir un novo reto. Porque o BNG presenta Candidatura á Alcaldía porque non aceptamos o rol de actor secundario que o PP e o PSOE queren asignarnos.

Que perdan toda esperanza:a nosa vocación non é ser concelleiros e concelleiras dun Goberno liderado por outra forza política. A nosa vocación é ser alternativa. Liderar politicamente esta cidade.

Sabemos que é un reto ambicioso. Pero A Coruña necesita impulso e ambición. Hoxe temos con nós Ana Pontón. Asumiu o liderado do BNG nun momento moi difícil. A Ana Pontón, como moito, asignábanlle o papel de outsider. E hoxe moi poucos dubidan que Ana Pontón vai  ser a próxima Presidenta da Xunta de Galiza.

O BNG é forza emerxente na Coruña. A forza política con máis expectativas de crecemento. Por iso asumimos este reto, coa convicción de que, co liderado do BNG, A Coruña vai ter o impulso que necesita. Porque na Coruña existe a percepción de queá cidade lle falta impulso. Non existe un proxecto claro que marque un horizonte cara ao que avanzar.

É certo que un proxecto de cidade non se plasma só en tres anos.  Pero pouco proxecto de cidade pode haber cando unha cuestión chave para o futuro da cidade, como o cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030, é tramitada polo Goberno municipal de forma improvisada, precipitada e trapalleira, sen o dialogar co resto dos grupos municipais e prescindindo da aprobación polo Pleno do Concello.

E pouco proxecto de cidade pode haber cando non se é capaz de resolver os problemas do día a día. Xa sexa a limpeza, a vivenda, o estado de rúas e beirarrúas ou as melloras nas liñas de buses.

Impulsa A Coruña

Por iso dicimos Impulsa A Coruña

Convidamos a todas as coruñesas e coruñeses a impulsar A Coruña canda nós

Impulsa A Coruña para construír unha cidade para vivir e traballar. Para que sexa motor económico de Galiza, facendo fronte á perda da nosa industria.

Impulsa A Coruña para que desde o Goberno Municipal exista vocación real de articular a comarca da Coruña como unha realidade metropolitana.

Impulsa A Coruña para construír unha cidade á medida das persoas, seguindo os principios de experiencias exitosas, levadas a cabo por Gobernos municipais do BNG, e que hoxe son, mesmo, un referente mundial

Hoxe comeza a semana da mobilidade

Impulsa A Coruña, tamén, para apostar por outro modelo de mobilidade, primando as persoas e o transporte colectivo na cidade e na comarca. 

Impulsa A Coruña,  parapoñer aos barrios no centro.

Impulsa A Coruña,  para desenvolver o enorme potencial da nosa cidade no eido dacultura.

É preciso que A Coruña recupere a cultura como forza motriz da cidade creativa que é.

Impulsa A Coruña para situar tamén no centro a defensa do medio ambiente, a loita contra as desigualdades e as políticas de vivenda.

Impulsa A Coruña para que nesta cidade as persoas mozas poidan materializar o seu proxecto de vida, sen teren que marchar da cidade polas dificultades de acceder a unha vivenda.

Impulsa A Coruña para termos un Goberno local esixente con outros gobernos. Por exemplo, cando se trate de defender o noso porto ou de reclamar que nos devolvan edificios e terreos que son nosos, en vez de especular ou de facer caixa con eles

Ese é o noso convite.  Coa presentación do cabeza de lista comezamos un camiño que continuará coa elaboración da candidatura. Unha candidaturaque, adiántovos, terá un marcado perfil social, aberta a todos os que compartan o noso proxecto para A Coruña.Unha candidatura que será espello do que é esta cidade. Do que é e do que aspira e merece ser.

Un camiño que continuará tamén coa elaboración do noso programa, que faremos en diálogo coa sociedade.

Para asumir o reto de impulsar A Coruña temos dous avais. O primeiro aval é o bon labor dos Gobernos Municipais do BNG. Hoxe para a maioría da sociedade galega os gobernos municipais do BNG son unha marca diferencial. E o segundo aval é o traballo no Concello nestes anos, nos que o BNG achegou PROXECTO, SOLIDEZ, SOLVENCIA E  CAPACIDADE DE DIÁLOGO.

Somos unha FORZA POLÍTICA ESTÁBEL E CONFIÁBEL. Non estamos aquí para cubrir o expediente. Estamos aquí para ofrecerlle á Coruña unha alternativa. Un horizonte.

Asumindo o liderado desta cidade.

Transporte de carga

Vixilancia da utilización adecuada dos espazos de carga e descarga.

Dotación de máis zonas de carga e descarga nos barrios.

⁠Habilitación de espazos de carga e descarga adecuados sempre que se faga unha obra no espazo público.

Mobilidade comarcal

Constitución dunha Autoridade Única de Transporte a nivel comarcal.

Mellorar as conexións en autobús metropolitano entre A Coruña cos concellos veciños.

Exixencia ao Estado para que nos accesos á cidade haxa carrís VAO: carrís para vehículos de alta ocupación, polos que transiten con máis facilidade os autobuses.

Implantación do tren de cercanías co modelo tren-tram.

Demanda da modernización da liña ferroviaria A Coruña- Betanzos- Ferrol, o aproveitamento do tendido ferroviario existente entre A Coruña e Arteixo e do que discorre polo porto interior.

Posta en marcha de transporte público marítimo.

Construción de aparcamentos disuasorios de balde próximos ás paradas de bus metropolitano e o tren para facilitar o uso do transporte público nos concellos da comarca.

Creación dun intercambiador de bus, tren e transporte marítimo na zona portuaria.

Política de aparcadoiros

Rescate das concesións daqueles aparcadoiros públicos sen concesión vixente.

Estudo e construción de aparcadoiros públicos nos barrios que os precisan.

Impulso de acordos co pequeno comercio, a hostalaría e empresas da zona para o uso destes aparcadoiros.

Impulso ás obras necesarias para a mellora da accesibilidade dos aparcadoiros públicos.

Reformulación do servizo ORA e das zonas verdes para residentes co obxectivo de optimizar as prazas de aparcadoiro en superficie.

Bicicleta e VMPs

VMP: vehículos de mobilidade persoal.

Ampliación do carril bici e mellora da seguridade dos que xa hai.

Realización de campañas masivas de sensibilización sobre as normas de circulación das bicicletas e dos patinetes.

Posta en marcha do Bicirexistro.

Instalación de aparcabicis nos aparcadoiros soterrados.

Ampliación do servizo de Bicicoruña:

  • Aumento do persoal e dos medios destinados a este servizo, para axilizar as reparacións e ampliar o horario.
  • Aumento do número de estacións e bicicletas
  • Inclusión de tándems para que as persoas con problemas de visión poidan usar este servizo.

Transporte público

Aposta pola remunicipalización do servizo.

Estudo da implantación dun tranvía áxil e útil.

Posta en marcha do carril bus.

Reordenación das liñas de transporte público para conectar mellor:

  • Os barrios entre si.
  • Os hospitais e centros sanitarios.
  • Os centros de ensino da cidade.
  • Os centros de traballo e os polígonos industriais.

Modificación dos horarios para que o servizo ordinario comece máis cedo, contra as 6 da mañá, e remate ás 12 da noite.

Gratuidade dos transbordos.

Renovación da frota para que sexa menos contaminante.

Mellora do servizo do taxi, tamén na súa conexión co aeroporto.

Mobilidade a pé

Garantía de accesibilidade universal ás beirarrúas e edificios públicos, eliminando as barreiras que dificultan o acceso.

Ampliación das beirarrúas.

Ampliación de zonas peonís.

Actuacións para converter as rúas, prazas e parques en centros de socialización e de convivencia.

Adaptación dos tempos dos semáforos para que todas as persoas poidan cruzar con seguridade independentemente da súa condición.

Elevación dos pasos de peóns para rebaixar as velocidades dos coches e dar máis seguridade e accesibilidade aos peóns.

Control das terrazas para garantir a mobilidade peonil e a accesibilidade.

Instalación de elevadores nas rúas onde o seu desnivel o fixer preciso.

Cando se instalen elementos na vía pública (andamios, colectores de obra, de reciclaxe etc), ter en conta a accesibilidade dos camiños alternativos e a visibilidade dos pasos de peóns.