Ante a escalada dos prezos, fagámonos valer!

Pois si, temos que nos facer valer. Esa é a idea forza coa que o BNG estivo a organizar actos públicos por todo o país como limiar da grande manifestación que convocamos para o domingo 18 de decembro en Compostela. Palestras colectivas como a realizado o pasado 18 de novembro no Circo de Artesáns, onde tiven a honra de partillar a palabra coa nosa deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas e a nosa voz no Congreso, Néstor Rego. A seguir, transcrívovos o que dixen, non sen antes subliñar o lembrete: manifestación nacional, 18 de decembro en Compostela. Acudide para facérmonos valer!

Comparte esta entrada

Boa tarde.

Grazas a todas e todos por estardes aquí neste acto sobre a situación económica e as alternativas do BNG. Para isto temos a honra de que nos acompañen a nosa deputada no Parlamento Galego, Mercedes Queixas, e o noso deputado no Congreso, o “compañeiro e sen embargo amigo”, Néstor Rego.

“Compañeiro e sen embargo amigo” era unha frase que repetía un profesor meu de primaria. Xa choveu.

E, efectivamente, Néstor e eu somos compañeiros e amigos desde hai máis de 40 anos, cando coincidimos, recén matriculados, na Faculdade de Historia da USC.

A inflación coñécese como o imposto dos pobres, pois provoca unha perda xeralizada do poder adquisitivo en moi pouco tempo

Vivimos unha situación económica marcada pola inflación. A inflación coñécese como o imposto dos pobres, pois provoca unha perda xeralizada do poder adquisitivo en moi pouco tempo. Dísenos que aos poucos está conseguíndose controlar a inflación.

Mais o certo é que no mes de outubro a suba do IPC en Galiza seguiu sendo moi alta. Un 7,8%, medio punto por riba da medida estatal, e os alimentos incrementáronse nada máis e nada menos que nun 15%.

A consecuencia é o o empobrecemento de amplas capas da poboación. Mais a inflación non só afecta os máis vulnerábeis.  Sectores básicos da economía están en situación límite, con consecuencias agravadas na Coruña e na Galiza polo peso dunha industria electrointensiva afogada polos custos enerxéticos

E están en situación límite pola importancia que no noso país teñen o sector agro-gandeiro e, sobre todo, na nosa comarca o pesqueiro, moi afectados polo incremento do prezo da electricidade, os combustíbeis e outros insumos. E pola nosa nosa maior dependencia do comercio por vía marítima e por estrada, castigados tamén pola suba dos combustíbeis e no caso das autoestradas tamén polas peaxes.

No discurso oficial cúlpase á guerra desta situación.  Mais o ataque de Rusia a Ucraína iniciouse o 24 de febreiro deste ano, moito despois de se iniciar a escandalosa escalada de prezos da electricidade e dos combustíbeis

A guerra non fixo senón agravar unha situación que arrinca de moito antes. Pero, ademais, se se culpa a guerra, que se está facendo para parar a guerra?

Porque a guerra ten, por suposto, un primeiro culpábel: o inxustificábel ataque de Rusia a Ucraína. Mais, no canto de procurar unha solución negociada ao conflito, Estados Unidos e a Unión Europea están a alimentar a espiral, instalados nunha lóxica belicista.

Posibelmente porque Estados Unidos pensa, coa colaboración suicida da Unión Europea, que está ante unha oportunidade para frear o seu devalo como potencia hexemónica no mundo E tamén ante unha oportunidade económica, para engordar o complexo militar-industrial, fundamental na súa economía, e para se tornar no principal exportador de gas e doutros recursos a Europa.

Nestas situacións sempre hai uns poucos que gañan. Hai tendes os escandalosos beneficios das eléctricas ou da banca (alimentados agora máis polo suba dos tipos de xuro decretada polo Banco Central Europeo), pero hai moitos que perden.

Na Coruña sabémolo ben. Desde o inicio da pandemia até hoxe A Coruña foi a cidade galega na que máis se acentuaron as desigualdades.

Somos a cidade máis desigual de Galiza. “A crise vai por barrios” e na Coruña tamén o sabemos ben

Somos a cidade máis desigual de Galiza. “A crise vai por barrios” e na Coruña tamén o sabemos ben. Hai pouco coñeciamos os resultados dun estudo que reflectía como a fenda en termos de renda cada vez é maior entre os distintos barrios da Coruña.

Mentres nalgúns poucos barrios a renda per cápita incrementouse nos últimos tempos, na maioría diminuíu. E aínda que sabemos que os Concellos teñen competencias limitadas cómpre termos gobernos locais que dean prioridade ás politicas sociais e de combate contra as desigualdades

Alén doutras causas comúns ao conxunto de Galiza, na Coruña s os problemas agrávanse polo peso da economía sumerxida, a máis castigada pola pandemia, ou pola excesiva dependencia do sector servizos, menos resistente que outros ás situacións de crise. Por iso, para facer fronte a esta situación, non abonda con medidas conxunturais. Son necesarias actuacións de máis longo alcance que ataquen as causas estruturais do actual estado das cousas.

Todas as Medidas que propón o BNG nos importan. Non somos unha illa. Somos parte da sociedade galega. Mais algunhas nos afectan singularmente. E permitédeme que poña dous exemplos.

O BNG propón unha intervención pública no mercado da vivenda, limitando o prezo dos alugueres e das hipotecas en vivendas habituais e locais comerciais.

E iso ten unha importancia singular na Coruña porque existe un grave problema de vivenda, até o punto de que moitos mozos cando se emancipan teñen que ir vivir fóra por non poder acceder a unha morada na cidade.

A adquisición dunha vivenda na Coruña encareceuse no último ano un 7,5% e o prezo medio está un 70% por riba da media galega. E se falamos de aluguer, somos con Vigo a cidade galega no que o alugueiro está máis caro. Por non falar tamén da multitude de locais comerciais que pechan por non poder soportar a suba dos prezos do aluguer, da electricidade e doutros suministros.

O BNG propón tamén unha intervención pública no mercado eléctrico para controlar os prezos e a creación dunha tarifa eléctrica galega. E iso, por suposto, interésanos como cidadáns, pero nos interesa tamén como comarca.

Hai industrias, con peso na nosa comarca, consumidoras intensivas de electricidade que non poden suportar os custos.  Algunhas por desgraza xa pecharon. E hai novos proxectos industriais que dependen de que se lles garanta o suministro eléctrico a prezos asequíbeis

Razón de máis para colocar unha idea tan elemental como que, se en Galiza se instalaren novas plantas de xeración de electricidade a partir do aproveitamento dos nosos recursos naturais, estas teñen que ter un retorno económico para o país en forma de enerxía máis barata e de xeración de emprego

Non só para alimentar ás novas industrias, tamén para que aquí se radique a industria de compoñentes asociada ao desenvolvemento desas fontes de enerxía. Non pode ser, por exemplo, que mentras se pretende inzar Galiza de Parques Eólicos pechen as súas factorías Vestas na Mariña e Siemens Gamesa nas Somozas para trasladar a súa actividade industrial fóra de Galiza.

A Coruña ten que repensar o papel económico que quere xogar en Galiza e na península. Estamos a sofrer as consecuencias dunha estratexia errónea

Alén disto, A Coruña ten que repensar o papel económico que quere xogar en Galiza e na península. Estamos a sofrer as consecuencias dunha estratexia errónea, que apostou pola hiperespecialización da Coruña como cidade de servizos, dando as costas ao noso sector industrial

E dando as costas, tamén, a outras actividades produtivas que historicamente tiveron un enorme peso na economía da cidade, como todo o relacionado coa economía do mar. E digo isto tendo moi en conta que nos países máis desenvolvidos o sector servizos sopórtase en boa medida na existencia dun sector secundario potente e de alto valor engadido.

É imprescindíbel, por tanto, impulsar un Plan de Desenvolvemento Económico Comarcal arredor dos seguintes eixos:

Impulsar a renovación e diversificación do noso sector industrial.

Apostar pola economía verde e azul,

Apoiar o desenvolvemento da investigación e a innovación, e nese sentido coincidimos na importancia estratéxica da Cidade das TIC ou proxectar A Coruña como referente internacional da moda galega

É hora de concluír. Grazas de novo pola presenza e antes de que vos vaiades quero animarvos a asistir á Manifestación Nacional que o BNG convocou para o domingo 18 de decembro en Santiago de Compostela.

Fagamos valer Galiza. Hai alternativas! é o lema da manifestación que partirá ás 12 da Alameda.

E claro que nos temos que facer valer.

Por unha razón social: para esixir unha saída xusta a esta situación.

Pero tamén por unha razón politica.  Se non nos facemos valer como país, se non defendemos as nosas alternativas, serán outros, como a extrema dereita, os que intentarán sacar réditos desta situación.

Transporte de carga

Vixilancia da utilización adecuada dos espazos de carga e descarga.

Dotación de máis zonas de carga e descarga nos barrios.

⁠Habilitación de espazos de carga e descarga adecuados sempre que se faga unha obra no espazo público.

Mobilidade comarcal

Constitución dunha Autoridade Única de Transporte a nivel comarcal.

Mellorar as conexións en autobús metropolitano entre A Coruña cos concellos veciños.

Exixencia ao Estado para que nos accesos á cidade haxa carrís VAO: carrís para vehículos de alta ocupación, polos que transiten con máis facilidade os autobuses.

Implantación do tren de cercanías co modelo tren-tram.

Demanda da modernización da liña ferroviaria A Coruña- Betanzos- Ferrol, o aproveitamento do tendido ferroviario existente entre A Coruña e Arteixo e do que discorre polo porto interior.

Posta en marcha de transporte público marítimo.

Construción de aparcamentos disuasorios de balde próximos ás paradas de bus metropolitano e o tren para facilitar o uso do transporte público nos concellos da comarca.

Creación dun intercambiador de bus, tren e transporte marítimo na zona portuaria.

Política de aparcadoiros

Rescate das concesións daqueles aparcadoiros públicos sen concesión vixente.

Estudo e construción de aparcadoiros públicos nos barrios que os precisan.

Impulso de acordos co pequeno comercio, a hostalaría e empresas da zona para o uso destes aparcadoiros.

Impulso ás obras necesarias para a mellora da accesibilidade dos aparcadoiros públicos.

Reformulación do servizo ORA e das zonas verdes para residentes co obxectivo de optimizar as prazas de aparcadoiro en superficie.

Bicicleta e VMPs

VMP: vehículos de mobilidade persoal.

Ampliación do carril bici e mellora da seguridade dos que xa hai.

Realización de campañas masivas de sensibilización sobre as normas de circulación das bicicletas e dos patinetes.

Posta en marcha do Bicirexistro.

Instalación de aparcabicis nos aparcadoiros soterrados.

Ampliación do servizo de Bicicoruña:

  • Aumento do persoal e dos medios destinados a este servizo, para axilizar as reparacións e ampliar o horario.
  • Aumento do número de estacións e bicicletas
  • Inclusión de tándems para que as persoas con problemas de visión poidan usar este servizo.

Transporte público

Aposta pola remunicipalización do servizo.

Estudo da implantación dun tranvía áxil e útil.

Posta en marcha do carril bus.

Reordenación das liñas de transporte público para conectar mellor:

  • Os barrios entre si.
  • Os hospitais e centros sanitarios.
  • Os centros de ensino da cidade.
  • Os centros de traballo e os polígonos industriais.

Modificación dos horarios para que o servizo ordinario comece máis cedo, contra as 6 da mañá, e remate ás 12 da noite.

Gratuidade dos transbordos.

Renovación da frota para que sexa menos contaminante.

Mellora do servizo do taxi, tamén na súa conexión co aeroporto.

Mobilidade a pé

Garantía de accesibilidade universal ás beirarrúas e edificios públicos, eliminando as barreiras que dificultan o acceso.

Ampliación das beirarrúas.

Ampliación de zonas peonís.

Actuacións para converter as rúas, prazas e parques en centros de socialización e de convivencia.

Adaptación dos tempos dos semáforos para que todas as persoas poidan cruzar con seguridade independentemente da súa condición.

Elevación dos pasos de peóns para rebaixar as velocidades dos coches e dar máis seguridade e accesibilidade aos peóns.

Control das terrazas para garantir a mobilidade peonil e a accesibilidade.

Instalación de elevadores nas rúas onde o seu desnivel o fixer preciso.

Cando se instalen elementos na vía pública (andamios, colectores de obra, de reciclaxe etc), ter en conta a accesibilidade dos camiños alternativos e a visibilidade dos pasos de peóns.