Collamos impulso e deamos o salto

Inspirándome nun magnífico poema de Lois Pereiro, e contaxiado polo entusiasmo que vin no auditorio dun ateigado Pazo de Congresos de Compostela, chamei as compañeiras e compañeiras do BNG a que o próximo 28 de maio “collamos impulso e deamos o salto” para facer realidade unha “Nova Galiza, Concello a Concello”. “O BNG é hoxe a esperanza de cambio e de futuro para grande parte das galegas e dos galegos”, dixen. E por suposto tamén para grande parte das coruñesas e dos coruñeses. Por se fose do voso interese, deíxovos a seguir coa transcrición da miña intervención nese Encontro Nacional Municipal do BNG

Comparte esta entrada

Bo día. Hai uns meses acudín convidado por unha asociación a visitar varios comercios do meu barrio para coñecer as inquedanzas e propostas dos comerciantes

E un, que vos aseguro non estaba afiliado ao BNG, díxome que estaba convencido de que todos os concellos de Galiza necesitaban, cando menos, 8 anos de pasada polo BNG.

E é certo!

Abonda con ir a Allariz para ver como se conseguiu reverter a dinámica de esmorecemento e despoboamento nun Concello da Galiza interior.

Abonda con ir a Pontevedra para coñecer unha cidade á medida das persoas e comprenderpor que é unha referencia internacional.

Abonda con ir a Ribadeo para constatar como se pode revitalizar un casco histórico e dinamizar o pequeno comercio.

Os Gobernos municipais do BNG son exemplo de SOLVENCIA, CAPACIDADE, BO FACER.

Pero tamén son exemplo de TALENTO, INNOVACIÓN, CREATIVIDADE,

A creatividade de Tomiño para mostrar como se pode revitalizar un antigo mercado

A de Muras para, fronte ao espolio, poñer a produción de electricidade ao servizo dos cidadáns

A de Carballo transformando as medianeiras nun museo ao ar libre, referencia na arte urbana

A de e todos e cada un dos Concellos con alcaldía do BNG.

E todo ese bo facer querémolo poñer ao servizo de impulsar A CORUÑA.

Para facer da Coruña a CIDADE BARCO, A CIDADE FARO, A CIDADE LUZ.

Cidade luz porque pola súa tradición cultural, pola súa conexión coas correntes máis avanzadas de cada momento, pola súa creatividade, A Coruña ten que ser a nosa cidade das luces.

Cidade barco,porque reúne todas as condicións para ser a capital ecolóxica do mar

Cidade faro,porque como dixo Domingos Merino, o primeiro alcalde nacionalista da nosa cidade, A Coruña ten que ser un faro para Galiza. E un faro tamén na defensa e normalización do noso idioma.

Unha NOVA GALIZA CONCELLO A CONCELLO,di o noso lema.

E “Coller impulso e dar o salto”, dicía un poema de Lois Pereiro.

Fagámolo: collamos impulso, na Coruña e no resto de vilas e cidades do noso país.

Collamos impulso e deamos o salto para facer realidade esa NOVA GALIZA CONCELLO A CONCELLO.

O BNG é hoxe a esperanza de cambio e de futuro para grande parte das galegas e galegos.

E ese futuro comeza o 28 de maio.

Coa vosa forza ímolo conseguir!

Transporte de carga

Vixilancia da utilización adecuada dos espazos de carga e descarga.

Dotación de máis zonas de carga e descarga nos barrios.

⁠Habilitación de espazos de carga e descarga adecuados sempre que se faga unha obra no espazo público.

Mobilidade comarcal

Constitución dunha Autoridade Única de Transporte a nivel comarcal.

Mellorar as conexións en autobús metropolitano entre A Coruña cos concellos veciños.

Exixencia ao Estado para que nos accesos á cidade haxa carrís VAO: carrís para vehículos de alta ocupación, polos que transiten con máis facilidade os autobuses.

Implantación do tren de cercanías co modelo tren-tram.

Demanda da modernización da liña ferroviaria A Coruña- Betanzos- Ferrol, o aproveitamento do tendido ferroviario existente entre A Coruña e Arteixo e do que discorre polo porto interior.

Posta en marcha de transporte público marítimo.

Construción de aparcamentos disuasorios de balde próximos ás paradas de bus metropolitano e o tren para facilitar o uso do transporte público nos concellos da comarca.

Creación dun intercambiador de bus, tren e transporte marítimo na zona portuaria.

Política de aparcadoiros

Rescate das concesións daqueles aparcadoiros públicos sen concesión vixente.

Estudo e construción de aparcadoiros públicos nos barrios que os precisan.

Impulso de acordos co pequeno comercio, a hostalaría e empresas da zona para o uso destes aparcadoiros.

Impulso ás obras necesarias para a mellora da accesibilidade dos aparcadoiros públicos.

Reformulación do servizo ORA e das zonas verdes para residentes co obxectivo de optimizar as prazas de aparcadoiro en superficie.

Bicicleta e VMPs

VMP: vehículos de mobilidade persoal.

Ampliación do carril bici e mellora da seguridade dos que xa hai.

Realización de campañas masivas de sensibilización sobre as normas de circulación das bicicletas e dos patinetes.

Posta en marcha do Bicirexistro.

Instalación de aparcabicis nos aparcadoiros soterrados.

Ampliación do servizo de Bicicoruña:

  • Aumento do persoal e dos medios destinados a este servizo, para axilizar as reparacións e ampliar o horario.
  • Aumento do número de estacións e bicicletas
  • Inclusión de tándems para que as persoas con problemas de visión poidan usar este servizo.

Transporte público

Aposta pola remunicipalización do servizo.

Estudo da implantación dun tranvía áxil e útil.

Posta en marcha do carril bus.

Reordenación das liñas de transporte público para conectar mellor:

  • Os barrios entre si.
  • Os hospitais e centros sanitarios.
  • Os centros de ensino da cidade.
  • Os centros de traballo e os polígonos industriais.

Modificación dos horarios para que o servizo ordinario comece máis cedo, contra as 6 da mañá, e remate ás 12 da noite.

Gratuidade dos transbordos.

Renovación da frota para que sexa menos contaminante.

Mellora do servizo do taxi, tamén na súa conexión co aeroporto.

Mobilidade a pé

Garantía de accesibilidade universal ás beirarrúas e edificios públicos, eliminando as barreiras que dificultan o acceso.

Ampliación das beirarrúas.

Ampliación de zonas peonís.

Actuacións para converter as rúas, prazas e parques en centros de socialización e de convivencia.

Adaptación dos tempos dos semáforos para que todas as persoas poidan cruzar con seguridade independentemente da súa condición.

Elevación dos pasos de peóns para rebaixar as velocidades dos coches e dar máis seguridade e accesibilidade aos peóns.

Control das terrazas para garantir a mobilidade peonil e a accesibilidade.

Instalación de elevadores nas rúas onde o seu desnivel o fixer preciso.

Cando se instalen elementos na vía pública (andamios, colectores de obra, de reciclaxe etc), ter en conta a accesibilidade dos camiños alternativos e a visibilidade dos pasos de peóns.