Fenosa pretende atendernos desde Colombia

É un pouco a historia do noso país. Grandes corporacións co centro de decisión fóra do noso territorio lúcranse cos nosos recursos naturais, sen lles importar os efectos medio ambientais dos seus negocios, e logo expatrian os seus beneficios, nunha práctica que obxectivamente se pode cualificar como colonial. Velaí o que está a acontecer cos procesos de deslocalización de servizos e empregos. Diso falo no meu último artigo en Nós Diario.

Comparte esta entrada

Estes días, as traballadoras e traballadores de Teleperformance da Coruña continuaron a se mobilizar en defensa dos seus empregos, ante a pretensión da empresa de que a atención telefónica á clientela de Unión Fenosa Distribución (UFD), que atende as avarías eléctricas e outras incidencias, pase a se realizar dende Colombia.

A propia voceira nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse á Coruña para reunirse coa representación do cadro de persoal e para se comprometer a trasladar as súas reivindicacións ao Concello, ao Parlamento de Galiza e ao Congreso.

O sector das empresas de atención telefónica (Contact Center e Call Center) é unha importante fonte de postos de traballo para a nosa cidade.  Galiza é a terceira comunidade autónoma por número de persoas empregadas neste ámbito (10.000 aproximadamente), das cais arredor da metade desenvolven o seu labor en centros situados na Coruña. 

Porén, o futuro de moitos empregos está ameazado por procesos de deslocalización que tamén provocarán un grave empioramento na calidade do servizo.

O persoal que desempeña o traballo de Unión Fenosa Distribución coñece o noso territorio, o noso idioma, as características da nosa rede eléctrica e do noso modelo de asentamento de poboación.

Vai resolverse unha incidencia coa mesma eficacia explicándolle a un señor de Colombia que hai un problema no tendido eléctrico localizado no lugar de Coruxo de Arriba, Santa Cruz,  parroquia de Liáns, Concello de Oleiros?

Pero, ademais, non é de recibo que empresas como as compañías eléctricas, que teñen inxentes beneficios a custa de explotar os nosos recursos naturais, destrúan en Galiza postos de traballo para os localizar noutros territorios.

E que cabe facer para impedir a deslocalización? Pois desde logo o que non cabe é ficar de brazos cruzados. Na moción que defendemos no Pleno do Concello da Coruña propuxemos, entre outras cousas, condicionar o acceso das empresas eléctricas á financiación pública (por exemplo, os Fondos Next Generation) e mesmo o permiso para a instalación de plantas de xeración de electricidade a, entre outros criterios, que os beneficios obtidos por parte das compañías interesadas teñan un retorno no territorio e que, por tanto, estas se comprometan a manter os postos de traballo existentes e a crear novos empregos.

O único que se precisa para facer tal cousa é que o Goberno do Estado (PSOE e Unidas Podemos) e a Xunta, en aplicación das súas competencias, teñan vontade política de regular o sector.

Unión Fenosa Distribución pertence ao Grupo Naturgy, o mesmo que decidiu pechar o antigo Museo de Arte Contemporánea da Coruña e que en 2021 trasladou a Madrid o Centro de Operación de Redes, que tiña a súa sede na nosa cidade.

Castelao dicía que “estamos fartos de ser unha colonia”.Pois iso. E para deixar de o ser temos que facernos valer. Tamén desde o Concello.

Transporte de carga

Vixilancia da utilización adecuada dos espazos de carga e descarga.

Dotación de máis zonas de carga e descarga nos barrios.

⁠Habilitación de espazos de carga e descarga adecuados sempre que se faga unha obra no espazo público.

Mobilidade comarcal

Constitución dunha Autoridade Única de Transporte a nivel comarcal.

Mellorar as conexións en autobús metropolitano entre A Coruña cos concellos veciños.

Exixencia ao Estado para que nos accesos á cidade haxa carrís VAO: carrís para vehículos de alta ocupación, polos que transiten con máis facilidade os autobuses.

Implantación do tren de cercanías co modelo tren-tram.

Demanda da modernización da liña ferroviaria A Coruña- Betanzos- Ferrol, o aproveitamento do tendido ferroviario existente entre A Coruña e Arteixo e do que discorre polo porto interior.

Posta en marcha de transporte público marítimo.

Construción de aparcamentos disuasorios de balde próximos ás paradas de bus metropolitano e o tren para facilitar o uso do transporte público nos concellos da comarca.

Creación dun intercambiador de bus, tren e transporte marítimo na zona portuaria.

Política de aparcadoiros

Rescate das concesións daqueles aparcadoiros públicos sen concesión vixente.

Estudo e construción de aparcadoiros públicos nos barrios que os precisan.

Impulso de acordos co pequeno comercio, a hostalaría e empresas da zona para o uso destes aparcadoiros.

Impulso ás obras necesarias para a mellora da accesibilidade dos aparcadoiros públicos.

Reformulación do servizo ORA e das zonas verdes para residentes co obxectivo de optimizar as prazas de aparcadoiro en superficie.

Bicicleta e VMPs

VMP: vehículos de mobilidade persoal.

Ampliación do carril bici e mellora da seguridade dos que xa hai.

Realización de campañas masivas de sensibilización sobre as normas de circulación das bicicletas e dos patinetes.

Posta en marcha do Bicirexistro.

Instalación de aparcabicis nos aparcadoiros soterrados.

Ampliación do servizo de Bicicoruña:

  • Aumento do persoal e dos medios destinados a este servizo, para axilizar as reparacións e ampliar o horario.
  • Aumento do número de estacións e bicicletas
  • Inclusión de tándems para que as persoas con problemas de visión poidan usar este servizo.

Transporte público

Aposta pola remunicipalización do servizo.

Estudo da implantación dun tranvía áxil e útil.

Posta en marcha do carril bus.

Reordenación das liñas de transporte público para conectar mellor:

  • Os barrios entre si.
  • Os hospitais e centros sanitarios.
  • Os centros de ensino da cidade.
  • Os centros de traballo e os polígonos industriais.

Modificación dos horarios para que o servizo ordinario comece máis cedo, contra as 6 da mañá, e remate ás 12 da noite.

Gratuidade dos transbordos.

Renovación da frota para que sexa menos contaminante.

Mellora do servizo do taxi, tamén na súa conexión co aeroporto.

Mobilidade a pé

Garantía de accesibilidade universal ás beirarrúas e edificios públicos, eliminando as barreiras que dificultan o acceso.

Ampliación das beirarrúas.

Ampliación de zonas peonís.

Actuacións para converter as rúas, prazas e parques en centros de socialización e de convivencia.

Adaptación dos tempos dos semáforos para que todas as persoas poidan cruzar con seguridade independentemente da súa condición.

Elevación dos pasos de peóns para rebaixar as velocidades dos coches e dar máis seguridade e accesibilidade aos peóns.

Control das terrazas para garantir a mobilidade peonil e a accesibilidade.

Instalación de elevadores nas rúas onde o seu desnivel o fixer preciso.

Cando se instalen elementos na vía pública (andamios, colectores de obra, de reciclaxe etc), ter en conta a accesibilidade dos camiños alternativos e a visibilidade dos pasos de peóns.