O meu primeiro artigo no Quince Mil

Deíxovos aquí o artigo co que comecei unha xeira de colaboracións co dixital Quince Mil. Leva por título “A finais de marzo e agardando aínda polo Presco 2021”. Agardo que vos preste!

Comparte esta entrada

Estamos xa na recta final do mes de marzo e continuamos sen termos en vigor o Presco 2021. A lentitude na tramitación por parte do Goberno Local é exasperante e deixa ver até que punto o Goberno Local non está á altura das circunstancias. Cando máis necesario sería termos un executivo áxil e eficaz para enfrontarmos os retos socio-económicos que nos coloca a pandemia o que vemos é unha preocupante incapacidade para planificar con tempo e para dar respostas a sectores –nomeadamente a hostalaría, o pequeno comercio e a cultura- que están a sofrer especialmente a contracción da actividade económica.

Nunha entrevista publicada no rotativo coruñés La Opinión, a alcaldesa tentaba desviar a responsabilidade dos retrasos na tramitación do PRESCO ao conxunto da Corporación. A todos e cada un dos grupos municipais. Ben, é obvio que a alcaldesa non ten razón. O único responsábel da demora é o Goberno Local.  Se o executivo que Inés Rey dirixe non se tivese obstinado en prorrogar os orzamentos –e non sería porque o BNG non o advertise!-, non estaríamos nesta situación. Se o executivo que Inés Rey dirixe tivese feito os seus deberes, tampouco estaríamos nesta situación.

Se o executivo que Inés Rey dirixe non se tivese obstinado en prorrogar os orzamentos –e non sería porque o BNG non o advertise!-, non estaríamos nesta situación.

Na última reunión da Comisión de Facenda, témonos que retrotraer ao 25 de febreiro, o Goberno Local entregounos un rascuño do Presco 2021. Nesa xuntanza o concelleiro de Facenda comprometeuse a nos fornecer dous datos básicos para a oposición formular propostas: os remanentes orzamentarios disponíbeis e unha información detallada sobre o estado de execución do Presco 2020.

Pois ben, os días foron pasando sen recibirmos esa información. Mais nós non estamos para ficarmos de brazos cruzados, así que elaboramos un conxunto de propostas que presentamos aos medios, en conferencia de prensa, o pasado xoves 18 de marzo. Tres semanas despois da última reunión da Comisión de Facenda! Non podíamos agardar máis, como tampouco poden agardar máis as veciñas e os veciños da Coruña atinxidos  polas secuelas socio-económicas da pandemia.

Ese mesmo día, coñecemos pola prensa o dato dos remanentes, 3,6 millóns de euros. Naturalmente valoramos que esa cantidade é francamente insuficiente para financiar un novo Presco (o de 2020 acabou ascendendo a uns 13 millóns de euros), polo que na comparecencia perante os medios defendín que o Concello subscriba un crédito e reasigne partidas no orzamento para tirar recursos daqueles capítulos que pola súa natureza non teñan carácter urxente e podan ser desviados para paliar a situación dos sectores máis damnificados pola pandemia.

Subliñamos que facíamos as propostas un pouco ás cegas –por esa falta de información por parte do Goberno Local-, mais que pór nós non ía quedar. E resaltamos tamén que as nosas achegas, moitas delas suxestións de colectivos sociais cos que mantivemos unha comunicación moi fluída, eran abertas e con vocación de as dialogarmos co Goberno Local e co resto dos grupos municipais. Trátase de chegarmos a un consenso na Comisión de Facenda para logo o trasladarmos ao Pleno en forma de acordo sobre os necesarios modificativos de crédito que dean corpo ao novo Presco.

Subliñamos que facíamos as propostas un pouco ás cegas –por esa falta de información por parte do Goberno Local-, mais que pór nós non ía quedar

En que consisten as nosas propostas? Basicamente en mellorarmos o funcionamento da primeira edición do Presco. Ou sexa, que o Concello lance unha campaña informativa que publicite masivamente os contidos do plan e que chegue a todas as persoas que se podan beneficiar del, que se introduza a declaración responsábel por parte da cidadá ou cidadán de que cumpre os requisitos esixidos para seren beneficiarias das achegas, que se salve a fenda dixital coa introdución de bonos físicos e que se reforcen os servizos administrativos para axilizarmos o proceso, de maneira que as axudas se executen ao 100%. Iso por un lado. Polo outro, estender as achegas a colectivos non contemplados no primeiro Presco (salóns de peitados, axencias de viaxes, taxis, descontos para a hostelaría, teatros, cinema, salas de concertos…) e, ao tempo, reforzar a área social do Concello, de modo a dotar de suficientes recursos a renda social municipal e as axudas de emerxencia social, flexibilizando tamén as condicións de acceso a estes programas.

O obxectivo final ten que ser o de atender as persoas máis necesitadas e o de garantir o mantemento da actividade económico e o emprego, gravemente danados.

Esa é a prioridade número un para o BNG. Tena que ser tamén para o Goberno Local. A xulgar pola súa falta de dilixencia até o de agora temos dúbidas de que o sexa.

Transporte de carga

Vixilancia da utilización adecuada dos espazos de carga e descarga.

Dotación de máis zonas de carga e descarga nos barrios.

⁠Habilitación de espazos de carga e descarga adecuados sempre que se faga unha obra no espazo público.

Mobilidade comarcal

Constitución dunha Autoridade Única de Transporte a nivel comarcal.

Mellorar as conexións en autobús metropolitano entre A Coruña cos concellos veciños.

Exixencia ao Estado para que nos accesos á cidade haxa carrís VAO: carrís para vehículos de alta ocupación, polos que transiten con máis facilidade os autobuses.

Implantación do tren de cercanías co modelo tren-tram.

Demanda da modernización da liña ferroviaria A Coruña- Betanzos- Ferrol, o aproveitamento do tendido ferroviario existente entre A Coruña e Arteixo e do que discorre polo porto interior.

Posta en marcha de transporte público marítimo.

Construción de aparcamentos disuasorios de balde próximos ás paradas de bus metropolitano e o tren para facilitar o uso do transporte público nos concellos da comarca.

Creación dun intercambiador de bus, tren e transporte marítimo na zona portuaria.

Política de aparcadoiros

Rescate das concesións daqueles aparcadoiros públicos sen concesión vixente.

Estudo e construción de aparcadoiros públicos nos barrios que os precisan.

Impulso de acordos co pequeno comercio, a hostalaría e empresas da zona para o uso destes aparcadoiros.

Impulso ás obras necesarias para a mellora da accesibilidade dos aparcadoiros públicos.

Reformulación do servizo ORA e das zonas verdes para residentes co obxectivo de optimizar as prazas de aparcadoiro en superficie.

Bicicleta e VMPs

VMP: vehículos de mobilidade persoal.

Ampliación do carril bici e mellora da seguridade dos que xa hai.

Realización de campañas masivas de sensibilización sobre as normas de circulación das bicicletas e dos patinetes.

Posta en marcha do Bicirexistro.

Instalación de aparcabicis nos aparcadoiros soterrados.

Ampliación do servizo de Bicicoruña:

  • Aumento do persoal e dos medios destinados a este servizo, para axilizar as reparacións e ampliar o horario.
  • Aumento do número de estacións e bicicletas
  • Inclusión de tándems para que as persoas con problemas de visión poidan usar este servizo.

Transporte público

Aposta pola remunicipalización do servizo.

Estudo da implantación dun tranvía áxil e útil.

Posta en marcha do carril bus.

Reordenación das liñas de transporte público para conectar mellor:

  • Os barrios entre si.
  • Os hospitais e centros sanitarios.
  • Os centros de ensino da cidade.
  • Os centros de traballo e os polígonos industriais.

Modificación dos horarios para que o servizo ordinario comece máis cedo, contra as 6 da mañá, e remate ás 12 da noite.

Gratuidade dos transbordos.

Renovación da frota para que sexa menos contaminante.

Mellora do servizo do taxi, tamén na súa conexión co aeroporto.

Mobilidade a pé

Garantía de accesibilidade universal ás beirarrúas e edificios públicos, eliminando as barreiras que dificultan o acceso.

Ampliación das beirarrúas.

Ampliación de zonas peonís.

Actuacións para converter as rúas, prazas e parques en centros de socialización e de convivencia.

Adaptación dos tempos dos semáforos para que todas as persoas poidan cruzar con seguridade independentemente da súa condición.

Elevación dos pasos de peóns para rebaixar as velocidades dos coches e dar máis seguridade e accesibilidade aos peóns.

Control das terrazas para garantir a mobilidade peonil e a accesibilidade.

Instalación de elevadores nas rúas onde o seu desnivel o fixer preciso.

Cando se instalen elementos na vía pública (andamios, colectores de obra, de reciclaxe etc), ter en conta a accesibilidade dos camiños alternativos e a visibilidade dos pasos de peóns.