Cidade metropolitana
Programa · A Coruña cidade metropolitana
A Coruña real non remata nos límites do noso termo municipal. Milleiros de persoas residentes nos concellos da contorna acoden acotío á nosa cidade, e o mesmo ocorre á inversa. O porto exterior e importantes polígonos industriais están en Arteixo, o Aeroporto en Culleredo, o encoro que nos abastece de auga en Cambre e Abegondo… Para deseñarmos A Coruña do futuro é imprescindíbel articularmos esta realidade metropolitana.
Impulsaremos a constitución da Área Metropolitana da Coruña e concertarémola de políticas a escala comarcal.
En particular, promoveremos a prestación de servizos compartidos e a coordinación de políticas nos seguintes eidos:
- Recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.
- Xestión integral do ciclo da auga e elaboración dun plan da auga.
- Planificación integral do transporte a escala comarcal.
- Planificación urbanística e ordenación do territorio, no que ten a ver con usos residenciais, industriais, de servizos e protección ambiental.
- Planificación e promoción turística.
- Planificación dos servizos sociais públicos.
Mentres a área metropolitana non for unha realidade xurídica, co fin de atallar os importantes problemas de mobilidade da nosa comarca, comprometémonos a impulsar a creación dun Consorcio de Transporte Metropolitano cos seguintes obxectivos:
- Mellorar as conexións entre A Coruña cos concellos veciños e as conexións destes entre si sen necesidade de pasar pola cidade central.
- Implantar servizos ferroviarios de proximidade (modelo tren-tram). Con tal fin, demandarase a modernización da liña ferroviaria A Coruña- Betanzos- Ferrol, o aproveitamento do tendido ferroviario existente entre A Coruña e Arteixo e o aproveitamento do tendido ferroviario que discorre polo porto interior.
- Poñer en marcha de transporte público marítimo.
- Crear aparcamentos disuasorios próximos ás paradas de bus metropolitano e emprazamentos onde aínda estea operativo o tren para facilitar o uso do transporte público nos concellos da comarca.
- Avance na execución da recuperación integral da Ría do Burgo: compromiso co desenvolvemento da actividade marisqueira xeradora de emprego e coa rexeneración medioambiental para que a Ría do Burgo sexa un espazo de lecer e goce da natureza para todas as persoas que habitan na nosa comarca.
- Mantemento do Concello da Coruña na da Mesa da Ría.
- Control constante do sistema de saneamento da cidade da Coruña para evitar verteduras á ría do Burgo.
- Exixencia os investimentos necesarios para mellorar o aeroporto de Alvedro, nomeadamente os seguintes:
- Ampliación da terminal.
- Mellora dos accesos acometendo a conexión directa coa AP-9.
- Reclamación da transferencia da competencia sobre os aeroportos galegos a Galiza para xestionalos conxuntamente coas autoridades locais e outras entidades públicas co fin de artellar un sistema aeroportuario integrado galego, baseado na cooperación, colaboración e igualdade dos tres aeroportos galegos. Os obxectivos da transferencia de competencias son os seguintes:
- Planificar desde aquí as infraestruturas aeroportuarias.
- Proxectar, executar e controlar os investimentos nos nosos aeroportos.
- Organizar os servizos dos nosos aeroportos.
- Deseñar as conexións desde unha perspectiva integrada das tres terminais galegas coas principais cidades da Península, cos catro grandes sistemas aeroportuarios europeos e con aqueles países onde a diáspora galega ten forte presenza.
- Potenciar o tráfico de mercadorías.
- Dotar dunha rede de conexións intermodais entre os tres aeroportos e as cidades galegas: en primeiro lugar, a través de servizos de lanzadeiras por estrada; a medio prazo, tamén por medio do ferrocarril e/ou do tren de proximidade.
- Demanda ao Estado a realización das infraestruturas necesarias para a total operatividade do Porto de Punta Langosteira.
- Reclamación a transferencia a Galiza dos portos de interese xeral co obxectivo de crear un sistema portuario integrado galego que reforce a capacidade de atracción de tráficos e a complementariedade entre os distintos portos.
- Demanda da implantación do tren de proximidade aproveitando as vías xa existentes que nos levan até o corazón da cidade.
- Exixencia da modernización das liñas ferroviarias entre a nosa cidade e Ferrol e Lugo.
- Impulso á creación dun intercambiador en San Diego, que conecte servizos ferroviarios de proximidade, transporte marítimo e liñas de autobús.
- Reclamación da transferencia a Galiza dos servizos ferroviarios.