Cidade para o futuro

Programa · A Coruña cidade para o futuro

A necesidade de investir en infancia adoita definirse como unha idea de alto consenso pero de baixa intensidade. Isto é, todo o mundo está de acordo na súa conveniencia pero poucas administracións adoitan facer grandes avances no orzamento dedicado. O BNG da Coruña considera que a próxima corporación municipal ten o deber de acompañar o esforzo promovido por organizacións internacionais para mellorar a vida de nenos, nenas e adolescentes. Velaí nomeadamente a obriga no Estado español de dedicar á infancia o 5% do Fondo Social Europeo Plus no período 21-27.

A xestión da crecente cantidade de recursos dedicada á infancia debe ser liderada desde o público, e require unha gran capacidade de coordinación da que o Concello da Coruña debe ser unha peza fundamental. Isto porque as competencias que a normativa lle atribúe en materia de prevención da desprotección e a súa diversa poboación o converten nun dos nodos imprescindibles para a protección da infancia galega.

A mellora dos servizos relacionados coa cidadanía de menor idade debe seguir atendendo e desenvolvendo as necesidades de conciliación de nais e pais, pero tamén debe atender os dereitos de nenos, nenas e adolescentes, cidadás de pleno dereito na actualidade.

Resulta fundamental desde esta perspectiva promover a participación da infancia, adolescencia e dos e das adultas mozas, para que as necesarias políticas en relación con elas non se fagan ás súas costas. Non se trata da cidadanía do futuro da Coruña, senón unha parte fundamental da cidadanía de hoxe.

A participación da mocidade na vida política é imprescindíbel para dar saída ás súas necesidades e transformar a sociedade.

O BNG aposta por darlle voz e capacidade de decisión á mocidade na elaboración das políticas xuvenís, pola xeración de redes de participación, porque mozas e mozos son suxeitos fundamentais no cambio político.

  1. Deseño da cidade desde a perspectiva dos nenos e das nenas: unha cidade segura e adaptada aos nenos e ás nenas non só fomentará a súa autonomía -fundamental no seu desenvolvemento- senón que será segura para todas as persoas que habitamos A Coruña.
  2. Ampliación e revisión das condicións de acceso aos servizos de infancia como recurso de conciliación para as familias. Incrementar as horas de atención en domicilios, xustificado por motivos de risco para as crianzas e en función de baremos económicos.
  3. Ampliación do Servizo de Canguraxe -con contratos que garantan un pagamento axeitado por hora ás súas traballadoras- e adaptar espazos específicos nos centros cívicos onde for posíbel.
  4. Impulso da creación de novas escolas infantís integradas na rede galega como servizo público de atención á infancia de idades comprendidas entre os cero e os tres anos.
  5. Creación dunha bolsa de “prazas de emerxencia” nas escolas infantís públicas, fóra dos períodos ordinarios de solicitude, para as situacións de emerxencia sociofamiliar que poidan sobrevir. Estas prazas serán xestionadas polo departamento municipal de educación.
  6. Apoio á atención educativa daquela poboación infantil e adolescente con baixo rendemento ou con risco de abandono escolar e garantir a equidade no proceso de escolarización e socialización (axudas para comedor, libros, transporte, actividades extraescolares…).
  7. Incremento do número de bolsas para as actividades dirixidas para as crianzas (actividades socioculturais, campamentos de Nadal/Semana Santa/verán).
  8. Ampliación dos comedores escolares dos centros de ensino e ampliación das bolsas comedor para incluír actividades de lecer e tempo libre.
  9. Compromiso da resolución das bolsas comedor antes do comezo do curso escolar e redución da burocratización da solicitude.
  10. Modificación das bases reguladoras para a concesión de bolsas de comedor: incrementarase a renda per cápita máxima para poder solicitar axuda e introducirase puntuación correctiva para valorar axeitadamente as familias monomarentais e monoparentais.
  11. Colaboración e apoio das entidades que traballan coa infancia e a adolescencia que teñen dificultades sociais.
  12. Posta en marcha de camiños escolares en todos os centros de ensino da cidade, tal e como funcionan noutros concellos galegos, en colaboración co comercio local, as ANPA etc.
  13. Programación cultural estábel destinada á infancia con actividade de balde para o acceso universal independentemente dos recursos das familias.
  14. Aprobación dun novo Regulamento de Escolas Infantís Municipais, xa traballado no Consello Escolar Municipal.
  15. Creación do Consello Local da Infancia.

Transporte de carga

Vixilancia da utilización adecuada dos espazos de carga e descarga.

Dotación de máis zonas de carga e descarga nos barrios.

⁠Habilitación de espazos de carga e descarga adecuados sempre que se faga unha obra no espazo público.

Mobilidade comarcal

Constitución dunha Autoridade Única de Transporte a nivel comarcal.

Mellorar as conexións en autobús metropolitano entre A Coruña cos concellos veciños.

Exixencia ao Estado para que nos accesos á cidade haxa carrís VAO: carrís para vehículos de alta ocupación, polos que transiten con máis facilidade os autobuses.

Implantación do tren de cercanías co modelo tren-tram.

Demanda da modernización da liña ferroviaria A Coruña- Betanzos- Ferrol, o aproveitamento do tendido ferroviario existente entre A Coruña e Arteixo e do que discorre polo porto interior.

Posta en marcha de transporte público marítimo.

Construción de aparcamentos disuasorios de balde próximos ás paradas de bus metropolitano e o tren para facilitar o uso do transporte público nos concellos da comarca.

Creación dun intercambiador de bus, tren e transporte marítimo na zona portuaria.

Política de aparcadoiros

Rescate das concesións daqueles aparcadoiros públicos sen concesión vixente.

Estudo e construción de aparcadoiros públicos nos barrios que os precisan.

Impulso de acordos co pequeno comercio, a hostalaría e empresas da zona para o uso destes aparcadoiros.

Impulso ás obras necesarias para a mellora da accesibilidade dos aparcadoiros públicos.

Reformulación do servizo ORA e das zonas verdes para residentes co obxectivo de optimizar as prazas de aparcadoiro en superficie.

Bicicleta e VMPs

VMP: vehículos de mobilidade persoal.

Ampliación do carril bici e mellora da seguridade dos que xa hai.

Realización de campañas masivas de sensibilización sobre as normas de circulación das bicicletas e dos patinetes.

Posta en marcha do Bicirexistro.

Instalación de aparcabicis nos aparcadoiros soterrados.

Ampliación do servizo de Bicicoruña:

  • Aumento do persoal e dos medios destinados a este servizo, para axilizar as reparacións e ampliar o horario.
  • Aumento do número de estacións e bicicletas
  • Inclusión de tándems para que as persoas con problemas de visión poidan usar este servizo.

Transporte público

Aposta pola remunicipalización do servizo.

Estudo da implantación dun tranvía áxil e útil.

Posta en marcha do carril bus.

Reordenación das liñas de transporte público para conectar mellor:

  • Os barrios entre si.
  • Os hospitais e centros sanitarios.
  • Os centros de ensino da cidade.
  • Os centros de traballo e os polígonos industriais.

Modificación dos horarios para que o servizo ordinario comece máis cedo, contra as 6 da mañá, e remate ás 12 da noite.

Gratuidade dos transbordos.

Renovación da frota para que sexa menos contaminante.

Mellora do servizo do taxi, tamén na súa conexión co aeroporto.

Mobilidade a pé

Garantía de accesibilidade universal ás beirarrúas e edificios públicos, eliminando as barreiras que dificultan o acceso.

Ampliación das beirarrúas.

Ampliación de zonas peonís.

Actuacións para converter as rúas, prazas e parques en centros de socialización e de convivencia.

Adaptación dos tempos dos semáforos para que todas as persoas poidan cruzar con seguridade independentemente da súa condición.

Elevación dos pasos de peóns para rebaixar as velocidades dos coches e dar máis seguridade e accesibilidade aos peóns.

Control das terrazas para garantir a mobilidade peonil e a accesibilidade.

Instalación de elevadores nas rúas onde o seu desnivel o fixer preciso.

Cando se instalen elementos na vía pública (andamios, colectores de obra, de reciclaxe etc), ter en conta a accesibilidade dos camiños alternativos e a visibilidade dos pasos de peóns.